Arranxos de J. Durán na VII edición de No bico un cantar

Arranxos de J. Durán na VII edición de No bico un cantar

Xuño de 2019 - Juan Duran compositor

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, presentaron hoxe en rolda de prensa a nova edición do programa No Bico un Cantar, que nesta sétima edición estará centrada na tradición musical da Raia, que se celebrará o vindeiro 7 de xuño en Tui. Na presentación participaron tamén o director xeral de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo, Anxo Lorenzo; o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín; e o coordinador da sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega, Maximino Zumalave.

Carmen Pomar explicou que nesta edición, baixo o título Nenas e nenos cantan na Raia, o proxecto unirá música galega e portuguesa. Neste sentido, convidouse a participar ao alumnado da Academia de Música da Fortaleza de Valença e da Academia de Música José Atalaya de Fafe, ambas do país veciño.

Ademais deles participarán as alumnas e alumnos dos 7 conservatorios profesionais dependentes da Consellería de Educación: Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño (Ferrol), Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes (Lugo), Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga (Pontevedra), Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Teñen tamén confirmada a súa presenza o Conservatorio Elemental de Música da Guarda, a Escola de Música Municipal de Mondariz, o Conservatorio Profesional de Música Reveriano Soutullo e a Escola de Música Municipal Vila do Corpus (ambos de Ponteareas), a Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal, a Escola de Música da Asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, o Conservatorio Profesional de Música de Tui e a Escola de Música Municipal de Tui; e están convidados centros do Porriño e outros de Ponteareas.

O programa musical estará composto por San Campio (de Torres Creo), Veira do mar (de Reveriano Soutullo) e Oh rama, oh que linda rama (canción popular portuguesa). Ademais estrearase No rego do prado, creada polo compositor Alexis Rozas Losada para a ocasión, e rematarase, como é habitual, con Maio longo (de José Baldomir). Maximino Zumalave dirixirá o concerto, para o que o compositor Juan Durán realizou os arranxos musicais para coro de nenos. O alumnado, aproximadamente 500 rapazas e rapaces, será o encargado da interpretación vocal, acompañado polos metais de Hércules Brass.

http://consellodacultura.gal/no-bico-un-cantar/2019/



Volver al listado