Música para piano de J. Durán en el Pazo de Marñán

Abril de 2022 Juan Duran compositor

Música para piano de J. Durán en el Pazo de Marñán

Co gallo do nacemento do compositor Carlos García López-Picos (Betanzos, 1922–Oleiros, 2009), o departamento de Cultura da Deputación da Coruña programa un ciclo de concertos que arrancará o 29 de abril no Pazo de Mariñán e que se completará durante o mes de maio noutros tres escenarios: o salón de actos da Casa Dopeso das Pontes, os días 7 e 14; o Auditorio Municipal de Rianxo, o 20 e 21; e a Aula de Cultura Xulio Cuns de Betanzos, o 27 e o 28.

A primeira cita será un recital de obras para piano de compositores galegos interpretadas por Julio Mourenza Torreiro e por Jorge Briones Martínez, a quen acompañará en Mariñán (20.30 horas) a voz do poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, condutor tamén da velada. O programa compóñeno as pezas 14 estruturas para piano A.35, de García-Picos; Movemento para piano, de Manuel Iglesias; Sonata veneciana, de Juan Durán; Campás melidenses, de Fernando V. Arias; En-re-do, de Margarita Viso; Atlante Op.5, de Paulino Pereiro; e Cunha esquezida mistura de espellos, de Manuel Balboa. A entrada para este concerto é de balde ata completar aforo.

Os outros concertos do ciclo están estruturados en dous recitais. Nos primeiros (7 de maio en As Pontes, as 12 horas; 20 de maio en Rianxo, ás 21; e 28 de maio en Betanzos, ás 20.30), para violonchelo e piano, os instrumentos a solo para os que máis partituras compuxo García-Picos, a violenchelista Teresa Morales Diego e o pianista Javier Ares Espiño interpretarán partituras de Manuel de Falla, García-Picos, Isidro B. Maiztegui e Astor Piazolla. Nos segundos (14 de maio en As Pontes, as 12 horas; 21 de maio en Rianxo, ás 21; e 27 de maio en Betanzos, ás 20.30), para voz e piano, a soprano Susana de Lorenzo e o pianista Alejo de Lorenzo ofrecerán a súa versión de obras de obras de Marcial del Adalid Gurrea, Eugenia Osterberger Luard, Andrés Gaos Berea, García-Picos e Juan Durán Alonso.

A elección do Pazo de Mariñán como escenario do comezo do ciclo non é gratuíta. O 18 de abril de 1986 celebrouse no Pazo un concerto de especial relevancia na historia musical contemporánea da comunidade galega. O acto estivo organizado pola Deputación Provincial da Coruña e pola Agrupación Cultural O Facho, e o intérprete foi o pianista francés Jean Pierre Dupuy, quen deu vida a diversas partituras dunha xeración emerxente de músicos coruñeses. No programa figuraron obras dos compositores Juan Durán, Fernando V. Arias, Margarita Viso, Paulino Pereiro, Manuel Iglesias, Manuel Balboa e o propio García-Picos. Daquela tamén exerceu de presentador, e de importante promotor do recital, Miguel Anxo Fernán-Vello.