Hércules Brass interpreta música de J. Durán na exposición de Rafael Úbeda

Octubre de 2019 Juan Durán

Hércules Brass interpreta música de J. Durán na exposición de Rafael Úbeda

Dentro do proxecto artístico Sonoro empeño, chegan a Vigo o xoves 17 de outubro a Hércules Brass. Quinteto de metais para ofrecer un concerto en homenaxe ao pintor Rafael Úbeda, do que tamén podemos gozar a través da súa obra na mostra «Sonoro empeño. A música nas coleccións ABANCA e Afundación». Será na Sede Afundación de Vigo.

PROGRAMA

Promenade para unha exposición de Rafael Úbeda, Juan Durán

Distorsións Ubedianas, Rogelio Groba

Juegos tímbricos, Juan Durán

Toccata e fuga en Re menor, Johann Sebastian Bach

O repertorio escollido para a intervención musical da Hércules Brass é unha homenaxe a Rafael Úbeda. Facer resoar a música inspirada no seu catálogo pictórico na sala de exposicións é unha experiencia extraordinaria para os sentidos. Tras seren os encargados de estrear en Ponteareas a obra Distorsións Ubedianas de Roxelio Groba, Úbeda e Hércules Brass trazan firmes lazos de amizade. 
Para esta ocasión deciden somerxerse na música para vento metais que soa baixo a inspiración do pintor. Úbeda convídaos a comezar co Promenade para unha exposición de Rafael Úbeda de Juan Durán que xoga co espazo e o tempo; a desfrutar das tres imaxes musicais, Impetuosas, No espello e Fulgurantes, proxectadas por Groba no quinteto de metais, e a recrearse en Juegos tímbricos, de Durán, escrita no 1994 para a inauguración dunha exposición do artista pontevedrés, unha peza nun só movemento cunha clara inspiración pictórica a través dun discurso colorista e tímbrico que vai dende a transparencia á espesura, da tensión a distensión, a partir dunha célula xeneratriz composta, a maneira de acróstico, sobre as notas Si, Re, La, extraídas do apelido do pintor.
Probablemente da música aprendeu e segue a plasmar Rafael Úbeda nos seus cadros algo que é definitivo na súa pintura: a          composición. Tamén poderiamos falar da súa persoal noción da cor, que é outro concepto musical, como a harmonía. No fondo, música e    pintura falan a mesma linguaxe, aínda que os seus recursos expresivos sexan diferentes.

Xerardo Estévez

https://ocio.farodevigo.es/agenda/pontevedra/conciertos/vigo/eve-1193283-hercules-brass.html